Biblioteca

BREVE HISTORIA

A biblioteca do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas é un espazo de dinamización cultural, animación á lectura e alfabetización informacional, pero tamén de integración e convivencia, aberto a todos os membros da comunidade educativa. Con estas prioridades, o equipo de biblioteca desenvolve un amplo traballo que pretende facer deste un espazo inclusivo, seguro, tolerante e que favoreza o proceso de ensino-aprendizaxe.

Situada inicialmente na torre do noso instituto, a biblioteca foi trasladada ao espazo do primeiro andar no que se atopa actualmente a comezos do curso 2006-2007 co obxectivo de mellorar a accesibilidade e dispor dun espazo unificado e máis axeitado.

Desde entón, realizáronse numerosos traballos de acondicionamento do espazo e do mobiliario, así como de xestión e adquisición de novos fondos, en gran medida grazas ás axudas e formación concedidas no marco do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), ao que a nosa biblioteca se incorporou no curso 2009-2010 e do que segue a formar parte na actualidade.

Tras a pandemia da COVID-19, durante a que a biblioteca nunca deixou de abrir as súas portas grazas ao esforzo do seu equipo, desde o curso 2020-2021 véñense desenvolvendo numerosas iniciativas orientadas a reforzar o papel da biblioteca no centro educativo e, asemade, a visibilizar as accións levadas a cabo. Neste senso, en 2021 creouse un perfil da biblioteca en Twitter (@biblioneira), no que se publican puntualmente todas as novas e actividades desenvolvidas (ademais da súa publicación na web do instituto); en 2022 realizouse unha intervención artística diante da porta da biblioteca, consistente na decoración dunha columna con motivos alusivos a Xosé Neira Vilas e a súa obra; e no curso 2022-2023 renovouse a información publicada na páxina web do centro.

No curso 2022-2023 tamén se procedeu á renovación do espazo da biblioteca, co acondicionamento do espazo informal de lectura e coa creación de novos expositores para as novidades, os fondos especiais e a colección LGTBIQ+ e, no marco do plan da Asesoría de Bibliotecas, produciuse a migración da antiga aplicación Meiga a Koha, o novo sistema de xestión bibliotecaria que se está a implantar progresivamente nos centros escolares de Galicia.

 

FONDOS

A biblioteca conta cunha colección formada por case 14.000 volumes, que inclúen: libros de ficción, libros de non ficción, películas, xogos, diccionarios, etc.

No caso dos libros, dispón de títulos publicados en galego, castelán, inglés, francés, e portugués. Ademais, desde os últimos cursos véñense creando varios fondos especiais, orientados a potenciar a inclusión, a igualdade e a alfabetización de todos/as os/as usuarios/as. Trátase dos seguintes: lectura fácil; igualdade de xénero; LGTBIQ+; biblioteca inclusiva; libro informativo; banda deseñada, álbum ilustrado e manga; e STEM .

A biblioteca posúe tamén unha filmoteca formada por 350 DVDs e, desde o curso 2020-2021, conta cunha ludoteca integrada por unha trintena de xogos, como Uno, Dobble, Dominó, Mikado, Timeline, Story Cubes, Xogo da oca, Xadrez, Parchís, Virus, SushiGo, Chromino, Baralla española, etc.

Os fondos da biblioteca pódense consultar no seu catálogo en liña no seguinte enderezo: https://iesneiravilas.edubib.xunta.gal/

SERVIZOS

A biblioteca dispón de 16 postos de lectura e traballo e unha zona de lectura informal, dotada de varios sofás, pufs e mesas baixas.

Está aberta a toda a comunidade educativa durantes os dez tempos de lecer semanais. Neste horario de apertura presta os seguintes servizos:

  • Consulta dos fondos en sala.
  • Préstamo a domicilio de todos os fondos (agás os manga e os exemplares que o equipo de biblioteca considere por cuestións de conservación).
  • Información bibliográfica.
  • Expositores de novidades e recomendacións bibliográficas dos fondos especiais.
  • Ludoteca.
  • 10 ordenadores.
  • Buzón de suxestións.

No curso 2022-2023 habilitouse un punto de intercambio de libros no andar baixo, á disposición de toda a comunidade educativa, e a biblioteca realiza tamén préstamos a eito ou intercentros con outros centros escolares.

ACTIVIDADES

En coherencia coas súas funcións e obxectivos, tal e como se recollen na normativa vixente, o Proxecto Lector de Centro e o Plan Anual de Lectura, a biblioteca desenvolve unha gran cantidade de actividades e iniciativas ao longo do curso escolar en colaboración cos distintos departamentos didácticos. Destacan:

  • Hora de ler. Cada día adícanse 20 minutos do horario lectivo á lectura dun libro en papel libremente escollido polo alumnado. A hora na que se realiza esta acción varía semanalmente, de acordo cun calendario anual elaborado polo equipo de biblioteca. En previsión dos casos en que non se dispoña de libro, o equipo de biblioteca pon á disposición do profesorado varias carpetas con materiais na sala de profesores.
  • Club de lectura “O faiado de Balbino”, dirixido a todo o alumnado e as súas familias e integrado, no curso 2022-2023, por varios grupos de lectura adicados a mitoloxía clásica, banda deseñada en galego, portugués, xeografía e historia, castelán, diversidade e lectura en familia. 
  • Un mes, un libro LGTBIQ+. Cada mes a biblioteca recomenda un libro de literatura xuvenil LGTBIQ+ en colaboración co Grupo de apoio LGTBI do Neira.
  • Semana Neira Vilas. Todos os anos, coincidindo co aniversario do pasamento de Xosé Neira Vilas o 27 de novembro de 2015, a biblioteca propón diversas actividades e exposicións, en colaboración coa Vicedirección e os departamentos didácticos do centro.
  • Certames e concursos diversos.
  • Conmemoracións das datas e festas destacadas do calendario escolar a través de elaboración de murais no andar baixo, exposicións e xogos.
  • Campañas de animación á lectura.
  • Realización de guías de lectura.
  • Murais de benvida ao inicio de cada curso escolar.
  • Tertulias literarias e encontros con profesionais da literatura.
  • Exposicións de traballos e proxectos do alumnado.
  • Colaboración coa Rede de Biblioteca Municipais de Oleiros.
  • Participación nos proxectos e PFPP do centro.

O pase de diapositivas require JavaScript.

NORMAS DE USO

  1.   A biblioteca posúe un importante fondo de libros, películas e outros materiais, que están a disposición de todos/as os/as usuarios/as a través do préstamo a domicilio (coa excepción dos manga e daqueles materiais que, en razón do seu valor, estado de conservación, etc., o equipo de biblioteca decida excluír do préstamo).
  2.   Non se pode sacar ningún libro nin material doutro tipo sen rexistrar o seu préstamo.
  3.   O préstamo faise por unha duración de 15 días, con posibilidade de renovación. Se se ten algún material prestado caducado, non se poderán coller novos materiais en préstamo ata que se devolva o caducado.
  4.   Os libros que se consulten na biblioteca e logo non se queiran coller en préstamo, deberanse devolver ao persoal do equipo de biblioteca. Para garantir o mantemento da orde e, polo tanto, a localización eficaz dos libros, só o equipo de biblioteca e os/as voluntarios/as, de ser o caso, poden colocar os libros e materiais nos estantes.
  5.   Na biblioteca débese observar o máximo silencio posible. Só está permitido falar baixo para a realización de traballos ou actividades grupais.
  6.   É preciso coidar o bo estado e limpeza do espazo da biblioteca, do seu mobiliario e dos seus materiais e libros. De maneira especial, no espazo de lecer da biblioteca, onde se atopan os sofás e pufs, non está permitido sentarse apoiándose contra as estanterías dos libros, xa que se deterioran os libros e os carteis.
  7.   Non está permitido comer nin beber.
  8.   Non está permitido o uso de teléfonos móbiles, de acordo coas NOF do instituto, que prohiben o uso dos móbiles en todo o recinto agás por razóns didácticas e sempre baixo a supervisión dun/ha profesor/a.
  9.   Existen 10 ordenadores a disposición de todos/as os/as usuarios/as. Para empregalos, é obrigatorio anotarse na libreta que, a tal efecto, está colocada enriba do armario onde se gardan. Só se poden utilizar na parte dianteira da biblioteca e enriba das mesas. Unha vez rematado o uso, é obrigatorio volver colocar o ordenador no seu sitio e conectalo ao cabre, para que a carga do ordenador estea sempre completa.
  10. Os ordenadores da biblioteca poderán ser usados nas aulas do centro, tanto polo alumnado como polo profesorado. Nese caso, é obrigatorio anotalo na libreta dispoñible a tal efecto e, ao remate da clase, volver colocalos debidamente no seu sitio. O profesorado, ademais, poderá reservar o seu uso para unha sesión concreta. No caso de coincidir varias demandas de uso, terá preferencia a do profesorado sobre a do alumnado.
  11. O uso dos ordenadores E-Dixgal na biblioteca está permitido pero rexerase estritamente polas normas deseñadas a tal fin e incluídas como anexo nas NOF do centro.
  12. Os xogos de mesa pódense utilizar libremente, sendo obrigatorio anotarse na libreta destinada a tal fin, coidar o material (para que non se perdan fichas, tarxetas, etc.) e colocar o xogo no seu sitio unha vez rematada a partida.
  13. É obrigatorio respectar e seguir sempre as indicacións do persoal do equipo de biblioteca e do equipo de voluntarios/as, de ser o caso.
  14. A biblioteca poderá ser utilizada para impartir clase polo profesorado que o desexe. A tal efecto, na sala de profesores existe unha táboa na que se pode reservar o seu uso. Nestes casos, o/a profesor/a responsable da clase respectará e fará respectar polo alumnado estas normas.
  15. Para calquera dúbida ou consulta, tedes ao equipo de biblioteca e de voluntarios/as á vosa disposición!

 

 

Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)